Alumnado de Relacións Internacionais participará en Ferrol nunha simulación do funcionamento das Nacións Unidas

70 estudantes de primeiro e segundo curso do Grao de Relacións Internacionais que se imparte no campus de Ourense (Universidade de Vigo) e no Campus Industrial de Ferrol (Universidade da Coruña) participarán este venres nunha simulación sobre o funcionamento da Organización das Nacións Unidas (ONU).

O Modelo de Nacións Unidas (MUN), que é como se denomina esta experiencia de aprendizaxe, terá lugar de 09.00 a 18.30 horas na Facultade de Humanidades e Documentación de Ferrol. Nela, as e os estudantes participantes ocuparán o lugar de embaixadoras e embaixadores dos países membros das Nacións Unidas para debater sobre algúns dos temas de actualidade recollidos na axenda da ONU. Deste xeito, o estudantado, baixo a figura de delegado ou delegada, preparará borradores de resolucións, estratexias argumentativas e negociacións con países aliados e adversarios ademais de resolver conflitos botando man das regras do procedemento das Nacións Unidas. O alumnado participará en tres consellos da ONU. No primeiro deles, o Consello de Seguridade, analizarán e debaterán sobre a invasión de Iraq por parte dos Estados Unidos. No segundo, o Consello de Dereitos Humanos, revisarán varios informes sobre a trata de mulleres e, no terceiro, o Consello Económico e Social, buscarán melloras para as persoas refuxiadas de Siria.

Coordinada por dúas alumnas de Ferrol, Sofía Castrillón e Teresa Hermida, a organización da cita conta co apoio da decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos, e dos coordinadores do grao interuniversitario de Relacións Internacionais, o profesor da Universidade da Coruña Félix Puime e a profesora da Universidade de Vigo e decana da súa Facultade de Relacións Internacionais Laura Carballo.

Ler a noticia completa no DUVI