O alumnado de Relacións Internacionais comeza a explorar as saídas profesionais do seu grao

O pasado curso académico arrancou no campus de Ourense a Facultade de Relacións Internacionais e na actualidade son arredor de medio centenar de estudantes, maioritariamente mulleres, as que estudan nela o Grao Interuniversitario de Relacións Internacionais. Co obxectivo de que as dúas promocións que xa se forman nas súas aulas (primerio e segundo curso) comecen a albiscar cal pode ser o seu futuro laboral, o centro celebrou este venres unhas xornadas sobre as saídas profesionais desta titulación. A actividade tamén se transmitiu a través do Campus Remoto da UVigo para que as dúas promocións homólogas que están a realizar o grao no campus de Ferrol, da Universidade da Coruña, puidesen seguir tamén as charlas.

A xornada, apoiada polo Consello Social da Universidade de Vigo e presentada por Laura Carballo, decana desta Facultade de Relacións Internacionais, comezou cunha intervención de Alba Espino, xefa de Área de Representacións Estranxeiras, da Dirección Xeral de Protocolo, Cancillería e Ordes do Ministerio de Asuntos Exteriores e egresada da UVigo. Continuou con charlas de Carolina Diz, asesora técnica en Cooperación para o Desenvolvemento e Acción Humanitaria, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia; Lorenzo Baladrón, consultor internacional, PMP especialista en proxectos de cooperación delegada Tragsatec, Cooperación Española en El Salvador; Sandra Morales, técnica da Fundación da Universidade de Vigo, e Yolanda Molares, directora de ICSEM-Institute for the Sustainable Growth. A programación completarase o 3 de novembro cunha visita á Confederación Empresarial de Ourense.

Ler a noticia completa no DUVI