Novo paso adiante para a materialización das facultades de Deseño, Dirección e Xestión Pública e Relacións Internacionais da UVigo coa publicación hoxe no DOG do Decreto 133/2022, do 7 de xullo, polo que se aproba a creación destes centros no campus de Pontevedra, nos dous primeiros casos, e no de Ourense no de Relacións Internacionais. Unha vez acordada a creación dos centros, a Xunta de Galicia dará traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no Registro de Universidades, Centros y Títulos (RUCT).
O decreto lembra que a UVigo, en sesión ordinaria do Consello de Goberno do 27 de xullo de 2021, aprobou a creación da Facultade de Deseño, da Facultade de Dirección e Xestión Pública e da Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, e o pleno do Consello Social, reunido o 29 de xullo de 2021, emitiu informe favorable á súa creación. En relación coa Facultade de Deseño, especifica o decreto publicado hoxe no DOG que, “este centro vén poñer as bases dunha formación integral que permita desenvolver estudos especializados no campo do deseño a todos os niveis, principalmente a partir da proposta de implantación da titulación de grao en Deseño dentro dos acordos alcanzados no SUG relativos á implantación de novas titulacións de grao”. O centro poderá albergar tamén futuras titulacións, tanto de grao coma de mestrado, relacionadas co ámbito do deseño. Dada a especificidade destes estudos, ausentes ata o momento no SUG, decídese a creación dun novo centro que ofreza unhas garantías de crecemento futuro para completar os diferentes niveis de formación no ámbito do deseño e os potenciais beneficios achegados ao ámbito socioeconómico da comunidade.
O campus de Ourense será o único da UVigo que o vindeiro curso estreará titulacións de grao, concretamente dúas interuniversitarias. Así, no caso do Grao en Intelixencia Artificial, que se impartirá na Escola Superior de Enxeñaría Informática, ofértanse un total de 150 prazas, a repartir a razón de 50 entre os campus de Ourense, Santiago e A Coruña. Pola súa banda, o Grao en Relacións Internacionais botará a andar con 45 prazas totais, das que 23 se impartirán no campus ourensán e as 22 restantes no de Ferrol. A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense comezaría a súa actividade no edificio Xurídico-Empresarial, para posteriormente localizarse nun inmoble propio, cedido ou construído.
“A UVigo poderá ofertar estudos que non había na comunidade autónoma e que cobren ámbitos nos que a sociedade demanda profesionais para acadar os retos dos vindeiros anos. É o caso da Intelixencia Artificial e das Relacións Internacionais, onde na Uvigo se vai ofertar a Mención en Xestión de proxectos e negocios internacionais, que son titulacións de ampla proxección”, destaca Alfonso Lago, que asumirá a Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións no novo equipo de goberno.
O Consello Galego de Universidades informou, na súa sesión plenaria deste martes, favorablemente a proposta de creación da nova Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense. Na xuntanza avaliouse a proposta da Universidade de Vigo para a creación deste novo centro, que recibiu o apoio unánime do conxunto dos integrantes deste órgano.
A reunión, presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, contou coa participación dos reitores da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Universidade da Coruña, Julio Abalde. Na sesión plenaria tamén se informou favorablemente a proposta de creación das facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública no campus de Pontevedra.