A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense vén de celebrar diferentes actividades que tiveron como obxectivo mellorar as habilidades no eido da comunicación intercultural e o protocolo diplomático do seu alumnado. Trátase dun obradoiro e dunha conferencia que contaron coa asistencia de arredor dunha trintena de persoas cada un deles e que se desenvolveron en diferentes sesións ao longo do último mes.
“Buscando aumentar as capacidades formativas do alumnado, que debe estar preparado para actuar nunha contorna multicultural e nunha sociedade globalizada”, o centro celebrou desde o pasado 24 de setembro o I Obradoiro de Comunicación Intercultural. O evento estivo patrocinado polo Consello Social da Universidade de Vigo. Dividido en varias sesións que remataron o día 17, a actividade tivo como obxectivo “ofertar una formación complementaria á regrada que acentuase as habilidades do alumnado en materia de comunicación intercultural e familiarización co protocolo empresarial e diplomático”.
Moaña acollerá os días 19 e 20 de xullo a primeira edición do Congreso de Xeopolítica Participativa, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Concello moañés, que nace coa vocación de converterse nunha cita anual que cada verán congregue investigadores, estudantes e cidadanía interesados nestas temáticas.
O simposio foi presentado este martes na casa consistorial de Moaña pola alcaldesa, Leticia Santos, o investigador da UVigo Breixo Martins, e o catedrático do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Rubén Lois. Baixo o título A xeopolítica e o sector educativo, “está dirixido a persoal investigador, á cidadanía en xeral e, especialmente, a persoas relacionadas co sistema educativo (pais e nais, as AMPA, profesorado, etc.) xa que o obxectivo é que calquera persoa poida debater e preguntar aos poñentes nun formato próximo e libre”, como explica Breixo Martins.
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense organiza, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a xornada International Women’s Day. Invest in women. A temática da actividade, explican desde a súa organización, toma o lema da celebración deste ano elixido polas Nacións Unidas, que é “investir nas mulleres”, e sobre ela céntranse as dúas conferencias propostas na xornada.
A actividade está organizada polo decanato da Facultade de Relacións Internacionais e coordinada pola catedrática María Lameiras, enlace de Igualdade deste centro, e desenvolverase de xeito presencial no edificio Xurídico-Empresarial do campus e de xeito virtual a través do Campus Remoto da UVigo. Está aberta ao público interesado, aínda que está especialmente pensada para o alumnado do centro organizador e os demais membros da comunidade universitaria. A programación deste luns, tras a inauguración a cargo de Laura Carballo, decana do centro, e a propia María Lameiras, contará coa conferencia Was #MeToo good for women? Evidence from Poland, a cargo de Magdalena Grzyb, da Uniwersytet Jagiellonski, de Polonia. Xa o día 7 seguiralle a conferencia Promoting positive masculinities to address violence against women, de Mariano Salazar, do Karolinska Institutet, de Suecia.
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense acolleu este luns a conferencia Panorama xeopolítico 2024, ofrecida por Francisco Dacoba, director xeral do Instituto Español de Estudios Estratégicos. A actividade estivo organizada en colaboración coa Facultade de Historia e coordinada polo profesor de ambos centros Luis Velasco.
Tal e como puido coñecer o alumnado asistente, este Instituto Español de Estudios Estratégicos, encadrado organicamente no Centro Superior de Estudios de la Defensa Nacional, ten asignados dous labores fundamentais: “realizar as análises de carácter estratéxico necesarias para asesorar ás autoridades do Ministerio de Defensa en materias relativas á seguridade e á defensa e, complementariamente e como consecuencia do anterior, o de contribuír a manter informada á sociedade española de canto incumbe á preservación das súas liberdades, do seu benestar e, en última instancia, do seu estado de dereito”. O relator amosou a súa satisfacción por ofrecer esta conferencia sobre xeopolítica ante alumnado universitario, neste caso especificamente de Relacións Internacionais.
- O alumnado de Relacións Internacionais comeza a explorar as saídas profesionais do seu grao
- Benvidas e benvidos ao campus de Ourense
- Publicado no DOG o decreto de creación das facultades de Deseño, Dirección e Xestión Pública e Relacións Internacionais
- Dous graos e catro mestrados reforzarán a oferta de títulos da UVigo para o vindeiro curso