A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebrou este venres unha xornada sobre saídas profesionais do seu grao e fíxoo coa satisfacción de poder incluír xa entre as persoas convidadas a unha das súas egresadas, que forma parte da primeira promoción que titulou este centro o pasado curso académico.
O acto contou co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo. Na súa apertura, Laura Carballo, decana da facultade, destacou o orgullo que supón para o centro contar xa coa súa primeira promoción (2022-2026) e con egresadas e egresados que xa están comezando a desenvolver a súa carreira profesional tras rematar hai só un par de meses a súa formación na UVigo. Concretamente, a xornada convidou a participar nela a Nieves Bouzas Kabundi, técnica de apoio en proxectos internacionais da consultora ICSEM e titulada desta primeira promoción da Facultade de Relacións Internacionais da UVigo.
A catedrática de Dereito Internacional Privado e decana da facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Laura Carballo Piñeiro, e o tamén catedrático de Física Aplicada da institución académica viguesa Juan Pou Saracho recibirán as Medallas de Investigación que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en recoñecemento as súas traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas.
Carballo e Pou recibirán cadansúa distinción, xunto aos tamén galardoados investigadores da UDC, Nieves Rodríguez Brisaboa, Francisco J. Blanco García e María Carmen Veiga Barbazán, nun acto que se celebrará o 8 de outubro en Santiago de Compostela, co gallo do Día da Ciencia en Galicia.
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense organiza do 26 de marzo ao 25 de abril o II Ciclo de Seminarios Interactivos, que nesta ocasión leva por título e temática Comercio Internacional. Coordinada polo profesor José Ángel Vázquez Barquero, a actividade conta con nove sesións na que representantes de diferentes empresas exporán ao alumnado do centro as súas experiencias comerciais no exterior.
Tal e como sinala a súa decana comisaria, Laura Carballo, a facultade da UVigo “busca formar profesionais polivalentes, capacitados para a análise xeopolítica e xurídica e con liderado para manexar persoal e procesos, habilidades todas necesarias para a xestión de xestionar proxectos e negocios internacionais”. O Grao de Relacións Internacionais que imparte, engade, especialízase na xestión de proxectos e negocios internacionais, tomando como referencia iniciativas privadas supranacionais que contan co respaldo do mundo empresarial mundial, en particular as lideradas polo Project Management Insitute. “A mención en Xestión de proxectos e negocios internacionais do campus de Ourense aliénase coas habilidades e competencias requiridas para obter certificacións emitidas polo PMI e que facilitan o acceso a institucións e empresas cunha dimensión internacional”, sinala.
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense e o seu alumnado sumáronse este luns aos actos organizados estes días co gallo do 8M, Día Internacional da Muller. Así, o centro celebrou a conferencia Unha ollada ás orixes do 8M: Clara Zetkin e Rosa Luxemburg, ofrecida por Almudena Otero e Marta Estévez, da Área de Filoloxía Alemá da Universidade de Vigo.
Antes da celebración do acto, que estivo organizado pola enlace de Igualdade da Facultade de Relacións Internacionais, a catedrática María Lameiras, na entrada do edificio Xurídico-Empresarial, alumnado desta facultade realizou ademais unha intervención reivindicativa sobre a igualdade. Nela, entre outras accións, a alumna Ainhoa García tocou ao violonchelo fragmentos de cancións destacadas no eido feminista, concretamente La puerta violeta, de Rozalén; I will survive, de Gloria Gaynor, e Flowers, de Miley Cyrus.
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense vén de celebrar diferentes actividades que tiveron como obxectivo mellorar as habilidades no eido da comunicación intercultural e o protocolo diplomático do seu alumnado. Trátase dun obradoiro e dunha conferencia que contaron coa asistencia de arredor dunha trintena de persoas cada un deles e que se desenvolveron en diferentes sesións ao longo do último mes.
“Buscando aumentar as capacidades formativas do alumnado, que debe estar preparado para actuar nunha contorna multicultural e nunha sociedade globalizada”, o centro celebrou desde o pasado 24 de setembro o I Obradoiro de Comunicación Intercultural. O evento estivo patrocinado polo Consello Social da Universidade de Vigo. Dividido en varias sesións que remataron o día 17, a actividade tivo como obxectivo “ofertar una formación complementaria á regrada que acentuase as habilidades do alumnado en materia de comunicación intercultural e familiarización co protocolo empresarial e diplomático”.
Moaña acollerá os días 19 e 20 de xullo a primeira edición do Congreso de Xeopolítica Participativa, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Concello moañés, que nace coa vocación de converterse nunha cita anual que cada verán congregue investigadores, estudantes e cidadanía interesados nestas temáticas.
O simposio foi presentado este martes na casa consistorial de Moaña pola alcaldesa, Leticia Santos, o investigador da UVigo Breixo Martins, e o catedrático do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Rubén Lois. Baixo o título A xeopolítica e o sector educativo, “está dirixido a persoal investigador, á cidadanía en xeral e, especialmente, a persoas relacionadas co sistema educativo (pais e nais, as AMPA, profesorado, etc.) xa que o obxectivo é que calquera persoa poida debater e preguntar aos poñentes nun formato próximo e libre”, como explica Breixo Martins.
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense organiza, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a xornada International Women’s Day. Invest in women. A temática da actividade, explican desde a súa organización, toma o lema da celebración deste ano elixido polas Nacións Unidas, que é “investir nas mulleres”, e sobre ela céntranse as dúas conferencias propostas na xornada.
A actividade está organizada polo decanato da Facultade de Relacións Internacionais e coordinada pola catedrática María Lameiras, enlace de Igualdade deste centro, e desenvolverase de xeito presencial no edificio Xurídico-Empresarial do campus e de xeito virtual a través do Campus Remoto da UVigo. Está aberta ao público interesado, aínda que está especialmente pensada para o alumnado do centro organizador e os demais membros da comunidade universitaria. A programación deste luns, tras a inauguración a cargo de Laura Carballo, decana do centro, e a propia María Lameiras, contará coa conferencia Was #MeToo good for women? Evidence from Poland, a cargo de Magdalena Grzyb, da Uniwersytet Jagiellonski, de Polonia. Xa o día 7 seguiralle a conferencia Promoting positive masculinities to address violence against women, de Mariano Salazar, do Karolinska Institutet, de Suecia.
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense acolleu este luns a conferencia Panorama xeopolítico 2024, ofrecida por Francisco Dacoba, director xeral do Instituto Español de Estudios Estratégicos. A actividade estivo organizada en colaboración coa Facultade de Historia e coordinada polo profesor de ambos centros Luis Velasco.
Tal e como puido coñecer o alumnado asistente, este Instituto Español de Estudios Estratégicos, encadrado organicamente no Centro Superior de Estudios de la Defensa Nacional, ten asignados dous labores fundamentais: “realizar as análises de carácter estratéxico necesarias para asesorar ás autoridades do Ministerio de Defensa en materias relativas á seguridade e á defensa e, complementariamente e como consecuencia do anterior, o de contribuír a manter informada á sociedade española de canto incumbe á preservación das súas liberdades, do seu benestar e, en última instancia, do seu estado de dereito”. O relator amosou a súa satisfacción por ofrecer esta conferencia sobre xeopolítica ante alumnado universitario, neste caso especificamente de Relacións Internacionais.
O pasado curso académico arrancou no campus de Ourense a Facultade de Relacións Internacionais e na actualidade son arredor de medio centenar de estudantes, maioritariamente mulleres, as que estudan nela o Grao Interuniversitario de Relacións Internacionais. Co obxectivo de que as dúas promocións que xa se forman nas súas aulas (primerio e segundo curso) comecen a albiscar cal pode ser o seu futuro laboral, o centro celebrou este venres unhas xornadas sobre as saídas profesionais desta titulación. A actividade tamén se transmitiu a través do Campus Remoto da UVigo para que as dúas promocións homólogas que están a realizar o grao no campus de Ferrol, da Universidade da Coruña, puidesen seguir tamén as charlas.
A xornada, apoiada polo Consello Social da Universidade de Vigo e presentada por Laura Carballo, decana desta Facultade de Relacións Internacionais, comezou cunha intervención de Alba Espino, xefa de Área de Representacións Estranxeiras, da Dirección Xeral de Protocolo, Cancillería e Ordes do Ministerio de Asuntos Exteriores e egresada da UVigo. Continuou con charlas de Carolina Diz, asesora técnica en Cooperación para o Desenvolvemento e Acción Humanitaria, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia; Lorenzo Baladrón, consultor internacional, PMP especialista en proxectos de cooperación delegada Tragsatec, Cooperación Española en El Salvador; Sandra Morales, técnica da Fundación da Universidade de Vigo, e Yolanda Molares, directora de ICSEM-Institute for the Sustainable Growth. A programación completarase o 3 de novembro cunha visita á Confederación Empresarial de Ourense.