A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense vén de celebrar diferentes actividades que tiveron como obxectivo mellorar as habilidades no eido da comunicación intercultural e o protocolo diplomático do seu alumnado. Trátase dun obradoiro e dunha conferencia que contaron coa asistencia de arredor dunha trintena de persoas cada un deles e que se desenvolveron en diferentes sesións ao longo do último mes.
Preparándose para unha contorna multicultural
“Buscando aumentar as capacidades formativas do alumnado, que debe estar preparado para actuar nunha contorna multicultural e nunha sociedade globalizada”, o centro celebrou desde o pasado 24 de setembro o I Obradoiro de Comunicación Intercultural. O evento estivo patrocinado polo Consello Social da Universidade de Vigo. Dividido en varias sesións que remataron o día 17, a actividade tivo como obxectivo «ofertar una formación complementaria á regrada que acentuase as habilidades do alumnado en materia de comunicación intercultural e familiarización co protocolo empresarial e diplomático».
As sesións arrancaron coa participación de Gerhard Feldmeier, decano da HS Bremerhaven (Alemaña), que ofreceu unha aproximación económico-sociolóxica á diversidade cultural. Nesta aproximación profundaron posteriormente Sherine Samy, profesora da UVigo formada na Universidade de Aim Shams (Exipto) e na Universidade Americana en O Cairo (Exipto), e Baihui Jia, doutoranda da USC e profesora de chinés na Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Elas realizaron unha aproximación ao protocolo e a cultura de negocios no mundo árabe e na cultura chinesa respectivamente. O obradoiro pechouse coa intervención de Juliana Almeida, da UNEP-Kenia, que falou dos cambios na cultura empresarial como consecuencia da necesidade de protexer o medio ambiente e que estratexias adoptar a este fin.
Da teoría á práctica en protocolo
Complementado esta actividade, a Facultade de Relacións Internacionais tamén organizou a pasada semana, os días 16 e 17, a Conferencia Protocolo Diplomático: Fundamentos e Perspectiva Práctica, impartida por Alba Espino, ex alumna da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo e hoxe diplomática de carreira. Como xefa de Área de Representacións Estranxeiras na Dirección Xeral de Protocolo, Cancillaría e Ordes do Ministerio de Asuntos Exteriores, o protocolo diplomático, sinalaron desde a organización da actividade, forma parte do seu día a día. Deste xeito, durante as dúas sesións, a relatora explicou ao alumnado presente os fundamentos teóricos e prácticos do protocolo diplomático dunha maneira interactiva, incluído o protocolo que rodea as viaxes e visitas de estado oficiais, símbolos, condecoracións e medallas. Nesta actividade, o alumnado tivo a oportunidade de facer ademais dúas simulacións: unha sobre a aplicación da orde de precedencias en eventos protocolarios e outra sobre a aplicación das regras de protocolo internacional na mesa, en diplomacia gastronómica.