O Grao trilingüe en Relacións Internacionais persegue dotar ao seu alumnado dunha formación integral e interdisciplinar con particular atención a actores e temáticas de interese mundial como os desafíos que expón o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas, a cooperación para o desenvolvemento, o papel das grandes empresas multinacionais, ou a xestión de proxectos e plans de desenvolvemento de carácter público e privado.

Oriéntase así cara ao estudo dun mundo globalizado o que esixe abordar cuestións de política intercontinental, economía global, dereito internacional público e privado, relacións transfronteirizas de mercado, movementos de persoas e recursos, o efecto da actividade humana no medio ambiente e moitos outros temas, cun alcance tanto micro como macro.

Para abordar estes retos, precísanse profesionais expertos capacitados para interpretar e entender as sociedades actuais, comprendendo as relacións internacionais nos distintos ámbitos (político, empresarial, xurídico, histórico, etc.) e defendendo en particular determinados valores como a xustiza, a solidariedade, a democracia ou a defensa dos dereitos humanos.