Benvidas e benvidos ao campus de Ourense

O curso académico 2022/2023 xa está en marcha e con el volve o alumnado ás nove facultades e escolas do campus de Ourense. Nel ofértase un total de 19 graos e programas conxuntos e 1015 prazas para o estudantado de novo ingreso, sendo as grandes novidades a estrea dos graos de Intelixencia Artificial e Relacións Internacionais e os mestrados de Intelixencia Artificial e Desafíos das Cidades. Co obxectivo de dar a benvida aos novos alumnos e alumnas do campus de Ourense, este martes a institución académica celebrou unha xornada na que as e os asistentes puideron coñecer de primeira man os servizos e instalacións que teñen á súa disposición na UVigo.

Este acto de benvida celébrase nos tres campus da Universidade de Vigo. O luns tivo lugar en Pontevedra, este martes no pavillón de deportes universitario de Ourense e mañá mércores chegará ao campus de Vigo. Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, destacou na actividade en Ourense a súa satisfacción porque esta iniciativa recupere “a normalidade” despois da pandemia. “En paralelo ás xornadas que se fan en cada centro ou en cada título, onde se lle conta ao alumnado a parte máis académica”, estas xornadas, dixo a vicerreitora, buscan que as e os estudantes “desde o primeiro día coñezan todo o que lles ofrece a Universidade para que logo eles, pouco a pouco, con esa información, poidan decantarse polos temas que máis lles conveñen ou lles interesen”.

Ler a noticia completa no DUVI